Breve resumo da VII GUADEC Hispana 5 Agosto 2010 No Comments
Con un pouco de atraso aportamos o noso resumo da sétima edición da GUADEC Hispana, que tivo lugar en A Coruña os días 22 e 23 de xullo e na que Ghandalf colaborou na súa organización. Este evento é a versión hispana da Conferencia Europea de Desenvolvedores e Usuarios de GNOME (GUADEC), que este ano celebrouse en A Haia (Países Baixos).
As charlas tiveron alta participación, con ao redor de case 100 persoas provenientes principalmente de España, aínda que tamén houbo varias persoas de outros países. Presentáronse temas de todo tipo, tanto a nivel xeral do estado do proxecto GNOME e os seus desenvolvedores, como a nivel máis técnico, no que presentáronse varios proxectos relacionados coa plataforma e tamén avances sobre o que supoñerá GNOME 3 para os programadores.
Ghandalf participou tamén nas charlas xa que Pablo Sanxiao presentou unha ponencia sobre GTranslator, do que é o principal desenvolvedor, na que explicou como o programa para traducir software estase a preparar para a súa versión 2, e os vindeiros cambios para GNOME 3.
Unha vez máis hai que destacar a boa organización de GPUL, e GNOME Hispano, que fixeron un traballo moi profesional e excepcional, sobre todo tendo en conta o corto marxe de tempo que tiveron para poder preparar este evento.
Ghandalf colabora na VII GUADEC-Hispana 14 Julio 2010 No Comments
Os vindeiros dias 22 e 23 de Xullo terá lugar na Facultade de Informática da Coruña a VII GUADEC-Hispana. Este evento reunirá á comunidade de desenvolvedores e usuarios de fala hispana do proxecto GNOME. O programa de este ano inclúe moitos temas interesantes para os asistentes que queiran coñecer como empezar a participar nunha comunidade de Software Libre. Pero tamén permite coñecer as últimas novidades do proxecto GNOME e canto á súa aplicación a tecnoloxías móbiles, estudos da súa comunidade, melloras en acecesibilidade, as implicacións dos novos navegadores ou o soporte de sistemas Multitouch, entre outros moitos temas. O programa pódese consultar na web do evento.
A organización corre a cargo da asociacións GNOME Hispano e GPUL e contará coa colaboración de Ghandalf, que volverá a traballar man a man con GPUL como xa fixo na pasada DudesConf. Ademáis de na organización do evento Ghandalf participará nel activamente xa que un dos seus membros foi conviado como relator dunha das ponencias.
O rexistro do evento está dispoñible a través do seguinte formulario.
A Asociación GHANDALF participou como relatora nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos 3 Julio 2010 1 Comment
A Asociación Ghandalf tivo a honra de participar nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos, celebradas o pasado 26 de xuño na Casa do Concello de Mugardos, mediante unha ponencia adicada a analizar polo miúdo o concepto de Interoperabilidade, e a súa implicación na integración de sistemas libre e sistemas privativos.
En liñas xerais, a afluencia de público ao evento foi moi significativa, así como a interacción do mesmo cos relatores. O nivel das ponencias foi realmente moi bo, ademais de contar todas elas cun elevado interese. A sensación final coa que nos quedamos os participantes na Xornadas foi que as mesmas rozaron a perfección en moitos eidos.
Os materiais empregados pola Asociación Ghandalf na súa ponencia “Interoperabilidade entre Sistemas Libres e Sistemas Privativos. A Convivencia é posible” están dispoñibles na sección de documentación da nosa Web, ou directamente no seguinte enlace.
Por outra banda os organizadores das Xornadas, a Asociación Comunidade o Zulo, a maiores de demostrar unha capacidade organizativa envexable, gravaron en video todo o decorrer das xornadas, polo que foi posible que as mesmas foran seguindas on-line de xeito virtual por varias ducias de internautas, así como que poidamos volver a disfrutalas conectándonos a http://www.ustream.tv/channel/prueba-scq-2
A Asociación GHANDALF inicia a Convocatoria Pública para a concesión de 2 Bolsas para desenvolvemento de PFCs Software Libre 2 Junio 2010 No Comments
A Asociación GHANDALF, ao abeiro do Convenio 2010 entre as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e maila Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, inicia o proceso de concesión de dúas Bolsas a estudantes universitarios de disciplinas técnicas relacionadas co Software (Enxeñería Informática, Telecomunicacións, Industriais e relacionados) para que o Proxecto Fin de Carreira (PFC) que leven a cabo desenvolva sistemas/aplicacións Software Libre, ou aporte valor técnico no ecosistema do Software Libre.
A intención desta actividade é darlle apoio e orientación técnica a estudantes para que o Proxecto Fin de Carreira que desenvolvan estea imbuído pola filosofía do Software Libre, e ao mesmo tempo poida aportar o seu gran de area no enriquecemento do ecosistema galego do Software Libre.
As bases da convocatoria, e o procedemento para concorrer na mesma, achéganse conxuntamente con esta nova. Só tes que premer neste enlace para ver as bases da convocatoria, ou ben neste outro enlace se queres deixar comentarios sobre o texto da propia convocatoria.
Se estás a voltas co PFC… anímate a participar!
Resumo da Charla sobre Software Libre no V Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano 31 Mayo 2010 No Comments
Con un pouco de retraso, pero máis vale tarde que nunca, aportamos a continuación un breve resumo sobre a “Charla sobre Software Libre no V Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano” feita por Andrés Estévez.
Contextualizando o evento, é preciso comentar que o devandito curso estaba formado por un conxunto de charlas que abarcaban distintos aspectos da cooperación. Así, o reto era importante xa que a audiencia, alumnos de todas as carreiras dos campus de Santiago de Compostela, non tiñan por que estar predispostos para unha charla desta temática. Probablemente, os seus intereses ao matricularse no mesmo estivesen dirixidos a aspectos máis “clásicos” da cooperación. O reto que se presentaba era, entón, importante. Tratábase dun grupo heteroxéneo do que, ademais, se descoñecía a súa motivación cara a esta materia.
Co fin de conseguir manter a atención optouse por realizar unha conferencia moi colaborativa e dinámica onde participasen todos por igual. Baseándose neste proceder, comezouse a sesión lanzando preguntas ao aire (que é o software libre? que é o software?). Eran cuestións básicas e sinxelas que serviron para romper o xeo e fomentar a participación da gran maioría de alumnas e alumnos, cada cal achegando o que podía e animándose cada vez máis. Con todo, eran preguntas con trampa. Non eran tan sinxelas e moitas das ideas que xurdiron durante as contestacións serviron de base para toda a hora de clase.
Durante a clase falamos de:
- as características do software en contraposición a outros produtos industriais tanxibles e como estas condicionan tanto o modelo de desenvolvemento como de negocio detrás do mesmo
- as diferenzas entre software privativo e software libre
- o software libre como ferramenta para o fomento das economías locais: modelos cooperación-competividade
- o software libre como tecnoloxía apropiada
A presentación utilizada está dispoñible neste enlace.
A continuación podes ver algunha fotos da Charla.
A GUADEC Hispana volve a A Coruña 30 Mayo 2010 No Comments
Este ano a GUADEC Hispana volve a A Coruña. Esta edición, a septima xa, celebrarase os dias 22 e 23 de xullo na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Será unha boa oportunidade de compartir horas con desenvolvedores e xente importante da comunidade GNOME hispano falante así como coñecer de preto as novidades e o estado do proxecto.
GHANDALF estará presente nesta edición coma colaborador da man de GPUL e GNOME Hispano, asociacións organizadoras do evento.
Se a tua empresa, asociación ou institución está interesada en botar unha man ou patrocinar o evento podes poñerte en contacto cos organizadores a través do correo “chair (arroba) guadec (punto) es”.
A petición de contribucións está xa aberta e permanecerá ata o 14 de xullo de 2010. Enviade a vosa o antes posible.
Participación de GHANDALF no V Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano 22 Abril 2010 No Comments
O V Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano é unha iniciativa de Enxeñería Sen Fronteira Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que persegue mostrar as/aos alumnas/os unha visión global das causas e consecuencias da pobreza e da desigualdade no mundo e a necesidade de xuntar esforzos e adquirir un compromiso activo para poder combater esas situacións.
No discorrer do curso vaise facer fincapé na importancia de por a tecnoloxía e a enxeñería a servicio do desenvolvemento, entendéndoas e aplicándoas dentro do entorno cultural, político, social, económico e ambiental en que se empregan.
A nosa Asociación recibiu a honra de participar nestas xornadas a través da ponencia que vai a levar a cabo Andrés Estévez (membro do Grupo de Sistemas de Información de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e membro de GHANDALF) titulada “Tecnoloxías da información para a Comunicación (TICs). O caso do Software Libre”.
A devandita ponencia está reprogramada para o venres 23 de abril entre as 18:45 e as 20:00 horas no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela.
Resumo, moi resumido, da DudesConf 2010 No Comments
A DudesConf 2010, celebrada en A Coruña entre os pasados 9 a 11 de abril de 2010 e na que Ghandalf participou como co-organizador e co-patrocinador, foi todo un éxito. A modo de resume, podemos comentar que:
- A concorrencia de público estivo na media habitual: entorno a unhas 50/60 persoas, con bastantes participantes provintes do estranxeiro.
- O nivel técnico das conferencia foi moi alto, co cal a importancia da aportación que este evento fai ao proxecto Debian é indiscutible.
- A comunidade Debian española está moi centrada na rama principal do proxecto Debian, e tras falar con eles, parece que quedaron encantados co discorrer do evento.
No tocante á organización, gustaríanos remarcar o bo facer e profesionalidade de GPUL, dúas características que sen dúbida axudan a transmitir unha imaxe apropiada do asociacionismo galego en torno ao Software Libre.
Máis info dispoñible en:
http://planet.debian.net/cgi-bin/search.cgi?terms=dudesconf
http://www.flickr.com/photos/bertogg/sets/72157623696486311/
http://ekaia.org/blog/2010/04/11/dudesconf-2010/
http://blogs.igalia.com/berto/2010/04/12/dudesconf-2010/
Ghandalf participa na organización da Dudesconf 2 Marzo 2010 No Comments
Do 9 ao 11 de Abril celebrarase na Facultade de Informática da Coruña a Dudesconf. Esta evento ten por obxectivo reunir aos desenvolvedores e usuarios do proxecto Debian en España e das súas distribucións derivadas, co fin de colaborar xuntos no desenvolvemento e intercambiar opinións sobre o futuro do proxecto.
A edición de este ano, que é xa a terceira, contará co apoio de Ghandalf para a súa organización, sumándose así a GPUL que xunto coa comunidade Debian en España, promove a celebración deste evento.
Ata o vindeiro 28 de Marzo está aberto o prazo para a recepción de propostas de actividades a realizar durante a Dudes. Aqueles interesados en propoñer algunha actividade deberán enviar un correo a ana at debian dot org, indicando no asunto [DUDES] e incluíndo o tipo de actividade, a duración, o público obxectivo e unha breve introdución dos contidos.
Máis información na páxina oficial do evento.
O Master de Software Libre xa se pode cursar por módulos 20 Diciembre 2009 No Comments
O Master de Software Libre organizado pola empresa galega Igalia e a Universidade Rey Juan Carlos xa permite cursar algúns módulos de xeito independente. A inscrición xa está aberta para os seguintes módulos:
- Administración e Integración de Sistemas con Software Libre
- Desarrollo en entornos desktop/mobile con Software Libre
- Desarrollo en entornos web con Software Libre
Cada un dos módulos poderase cursar dende 980€ grazas a política de descontos do Master coma por exemplo ser socio dalgúns GULs entre eles Ghandalf.
