DronDay, un día para aprender todo sobre drons

Dende fai un tempo na Asociación estamos a investigar sobre as posibilidades de uso de drons e software libre para obter imaxes aéreas que poidan servir como cartografía base para certos proxectos e ser empregadas xunto con OpenStreetMap. Para iso contamos coa colaboración de Xeoinquedos e xuntos estivemos a explorar varias opcións ata que contactamos coa xente do proxecto DroneMapZ de Zaragoza, quenes levaban xa tempo explorando tamén esta vía.

Froito destes contactos o vindeiro sábado 17 de Xuño organizamos en Vigo unha xornada que denominamos DronDay, onde grazas a Fran e Xosé Luis faremos unha introdución a todas estas tecnoloxías aberta ao público. Pola maña faremos varios voos con diferentes drons para ver como se poden obter imaxes aéreas dunha zona, e despois, xa pola tarde veremos como procesar todas esas imaxes, con software libre, para poder empregalas como base en OpenStreetMap, dispoñendo así de información sobre a que xerar nova cartografía coas ferramentas de OSM.

Na páxina web que fixemos para o evento podedes atopar toda a información en detalle, así como a ligazón para inscribirse no mesmo, xa que polas características da xornada temos prazas limitadas.

Esta actividade forma parte das que dende a Asociación Ghandalf facemos en colaboración coa AMTEGA, a través do convenio que asinamos para a difusión do software libre en Galicia.

Facebooktwittergoogle_plusmail

A OSHWDem 2016 acada cifras récord

Asistencia na OSHWDemEsta pasada fin de semana celebrouse unha nova edición da OSHWDem, que bateu tódolos récords en canto a asistencia e participación.

  • Un total de 2150 asistentes.
  • 43 proxectos diferentes expostos na feira
  • makerspaces de toda Galicia: Recuncho Maker, Makers Lugo, Pontemaker, Clou Wars, Tropa Korriban…
  • máis de 100 makers na exposición contando a todo o persoal dos distintos proxectos e charlas

Unhas cifras que fan deste evento un dos máis importantes na escena maker e que fala do bo traballo que está a desenvolver BricoLabs, artífice principal da organización coa axuda de GHANDALF.

E a pesar de que o evento principal se celebrase na fin de semana, aínda quedan pendentes varios talleres que se celebrarán nos próximos días e cuxa inscrición abrirase hoxe luns a partir das 20:00 horas.

Para GHANDALF é un pracer ver como un evento que impulsamos dende os seus inicios, cando era so unha idea que latexaba na cabeza dun dos nosos socios se converteu xa en todo un referente anual para a cada vez máis numerosa comunidade maker.

Un ano máis a colaboración de GHANDALF na organización da OSHWDem está enmarcada dentro da actividades que esta asociación vén realizando ao abeiro do Convenio para a Difusión do Software Libre asinado coa AMTEGA.

 

Facebooktwittergoogle_plusmail

A OSHWDem 2016 xa ten data

OSHWI-color-low-228x300-228x300A OSHWDem, que naceu impulsada pola Asociación GHANDALF e organizada dende BricoLabs vai celebrar este ano a súa quinta edición. O evento terá lugar o sábado 5 de Novembro na Domus de A Coruña e como sempre virá cargada de novidades. Permanece atento a súa páxina web para ir coñecendo todas as novidades que terá a edición deste ano.

Dende GHANDALF seguiremos apoiando o evento como en tódalas edicións anteriores, tratando e poñer a Galicia no mapa do movemento maker durante unhas horas.

 

Facebooktwittergoogle_plusmail

A Xunta de Galicia publica o Plan de Software Libre para o ano 2016 no que GHANDALF colabora

Este mes de maio publicouse o Plan de Software Libre para o ano 2016 da Xunta de Galicia. Este plan define as liñas de actuación da administración nesta materia.

Ao mesmo tempo e como vén sendo habitual dende fai varios anos, GHANDALF asinou coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xunto con outras asociacións un convenio de colaboración para a realización durante todo este ano de diferentes actividades de difusión do Software Libre.

Entre as actividades previstas ao abeiro deste convenio por parte da nosa asociación podemos destacar a celebración de diferentes eventos, colaborando con diversas asociacións, como son a OSHWDem xunto á xente de Bricolabs, a GeocampES con Geoinquiets, o unha xornada sobre Python coa xente de Python Vigo. Seguiremos tamén coa importante difusión do Software Libre en centros de ensinanza con charlas de introdución ao Software Libre e a cartografía libre con OpenStreetMap, coa distribución de copias impresas das nosas publicacións, e como en Ghandalf temos un xen moi Xeoinquedo, este ano tentaremos facer algo relacionado con drons e OpenStreetMap que nos ten moi motivados e que pouco a pouco iremos desvelando.

Facebooktwittergoogle_plusmail

Renovación da Xunta Directiva

Despois de dous anos, este pasado mes de marzo tocou renovación da Xunta Directiva da asociación. Na asemblea celebrada só se presentou unha candidatura que foi aprobada polos socios quedando conformada a nova xunta directiva como segue:

  • Presidente: Roberto Vieito Raña
  • Secretario: Pablo Sanxiao Roca
  • Tesoureiro: Francisco Puga Alonso
  • Vogal: Juan Ignacio Varela García

A nova xunta será a encargada de potenciar as actividades de difusión en prol do Software Libre que como cada ano se realizan dende a asociación. Para este ano estase xa a definir o programa das mesmas que terán por unha banda un carácter continuista, apostando pola celebración dunha edición máis da OSHWDem, tamén da GeocampES, as charlas sobre Software Libre e OpenStreetMap en institutos de ensinanza de Galicia ou a difusión de exemplares dos libros publicados pola asociación ata o momento.

Pero ademais, este ano estase a dar forma a novas actividades que se desvelarán moi pronto pero que podemos adiantar que terán que ver con Python, buscando colaboracións con novas organizacións e tamén cos tan de moda drons, tentando de analizar novas posibilidades que estos aparellos poden ofrecer para compartir información.

Facebooktwittergoogle_plusmail