Gnome 3 Launch Party Galicia

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a versión 3 representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.

Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.

Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:

  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!

A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.

En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.

Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!

Continue reading Gnome 3 Launch Party Galicia

Facebooktwittergoogle_plusmail

Xornada sobre Software Libre e Licenciamento no IES Xulián Magariños

O pasado 2 de novembro, a Asociación GHANDALF impartiu unha xornada de divulgación e formación dirixida aos alumnos dos Ciclos Superiores de Informática do IES Xulián Magariños de Negreira.

A temática da devandita xornada foi “Software Libre e Licenciamento“, tendo como obxectivo amosarlle a panorámica xeral do licenciamento (propiedade intelectual, dereitos de autor, licenzas) e a súa fortísima relación co Software Libre, facendo fincapé naquelas cuestións de máis interese dende o punto de vista de toma de decisións estratéxicas por parte dun prescritor de tecnoloxía, o cal con toda seguridade vai ser o rol de moitos dos asistentes á Xornada.

Sobre o fío conductor anterior, os alumnos dos Ciclos Superiores de Informática (en torno a uns 30 asistentes) foron presentando múltiples dúdidas demostrando tanto o seu interese, como a aplicabilidade deste tópico na súa xa inminente vida laboral.

Ghandalf fíxolle chegar a todos os alumnos un bo conxunto de documentación dixital sobre a temática en cuestión, a maiores de varias ferramentas e sistemas operativos Software Libre.

A presentación empregada na Xornada está dispoñible na sección de documentación da nosa web, sendo os seguintes os seus enlaces directos:

Impartir esta xornada foi unha agradable labor para Ghandalf, polo que queremos amosarlle o noso agradecemento á Dirección do Centro, a cal en todo momento facilitou que a xornada puidera levarse a cabo dun xeito óptimo.

Continue reading Xornada sobre Software Libre e Licenciamento no IES Xulián Magariños

Facebooktwittergoogle_plusmail

Ghandalf colabora na organización da LSWC

Dada a importancia que un evento como a cancelada OSWC ten para o posicionamento internacional do traballo que se está a facer con Software Libre tanto en Galicia como no resto do estado español, GHANDALF considerou imprescindible aportar (dende a medida das súas posibilidades) todo o posible para que se celebrase o evento alternativo: a Libre Software World Conference.

Nun primeiro momento, a Asociación GHANDALF dirixiu estes esforzos a tentar ter un espazo dentro da programación da Conferencia alternativa, baseando esta presencia na ponencia que xa fora previamente aprobada pola Comisión de Valoración da OSWC. Afortunadamente, a ponencia de GHANDALF (sobre a sistematización da localización de documentación de alto nivel relativa a Software Libre) tamén recibiu un espaldarazo por parte do Comité de Selección de Contidos da LSWC, polo que o primeiro paso viuse cumplido ao contar GHANDALF coa honra de disertar na LSWC sobre a “Localización y traducción de documentación de alto nivel”, tal como se pode ver na Axenda Final da LSWC.

Unha vez percorrido este primeiro paso, GHANDALF pasou a dirixir os seus esforzos a colaborar na medida do posible na xestión e organizacion do Evento, e ao contar coa financiación obtida a través do Convenio das Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia) puido facer unha aportación económica á organización da LSWC, axudando deste xeito a sufragar os gastos derivados da súa organización.

Esta modesta aportación económica, posibilitada grazas á existencia do citado Convenio (posibilitada por tanto grazas á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica), levou aparellada a honra de que a LSWC designase a GHANDALF como patrocinador da Conferencia.

Moitas grazas a todas as Entidades que fixeron posible esta honra!

Cartel definitivo da LSWC 2010

Facebooktwittergoogle_plusmail

Participación de GHANDALF na LSWC (evento alternativo á OSWC)

Tras da cancelación, por parte da Junta de Andalucía, da OSWC, as empresas que forman ASOLIF (Federación de Asociacións de Empresas de Software Libre de España) deron unha tremenda sinal de madurez por parte do tecido empresarial relacionado co Software Libre mediante a organización dun evento substitutivo, a celebrarse no mesmo lugar nas mesmas datas, e co mesmo obxectivo: a difusión e promoción do Software Libre e de casos de éxito do seu uso.

Este evento, nomeado como Libre Software World Conference fixo unha convocatoria aberta de participación no mesmo por parte de axentes conformadores do ecosistema español do Software Libre. Ghandalf, aproveitando o traballo xa feito para a OSWC, presentou a súa candidatura a participar no mesmo, e contou co enorme privilexio de ser escollido entre os aspirantes para participar como relatores.
Dende aquí, gustaríanos facerlle chegar o noso máis profundo agradecemento a Roberto Brenlla, membro do comité de selección de contidos, polo bo acollemento que tivo da nosa candidatura, e pola valiosa asistencia que nos fixo para que a mesma percorrese exitosamente todos os pasos para ser aprobada.

Facebooktwittergoogle_plusmail

A Asociación GHANDALF inicia a Convocatoria Pública para a concesión de 2 Bolsas para desenvolvemento de PFCs Software Libre

A Asociación GHANDALF, ao abeiro do Convenio 2010 entre as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e maila Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, inicia o proceso de concesión de dúas Bolsas a estudantes universitarios de disciplinas técnicas relacionadas co Software (Enxeñería Informática, Telecomunicacións, Industriais e relacionados) para que o Proxecto Fin de Carreira (PFC) que leven a cabo desenvolva sistemas/aplicacións Software Libre, ou aporte valor técnico no ecosistema do Software Libre.

A intención desta actividade é darlle apoio e orientación técnica a estudantes para que o Proxecto Fin de Carreira que desenvolvan estea imbuído pola filosofía do Software Libre, e ao mesmo tempo poida aportar o seu gran de area no enriquecemento do ecosistema galego do Software Libre.

As bases da convocatoria, e o procedemento para concorrer na mesma, achéganse conxuntamente con esta nova. Só tes que premer neste enlace para ver as bases da convocatoria, ou ben neste outro enlace se queres deixar comentarios sobre o texto da propia convocatoria.

Se estás a voltas co PFC… anímate a participar!

Facebooktwittergoogle_plusmail