Información 25 marzo 2009

A Asociación GHANDALF (GHandalf ANaliza Difunde e ALenta o Floss) é unha Asociación sen Ánimo de Lucro constituída o 23 de xaneiro de 2009 e inscrita no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia.

Debido aos obxectivos e fins que persegue (desglosados convintemente nos Estatutos), GHANDALF pode ser considerado un GUL (Grupo de Usuarios de GNU/Linux) de pleno dereito.

Sintetizando os obxectivos polos que GHANDALF vai loitar, pódese citar:

  • Colaborar na construción dunha sociedade do coñecemento baseada nos principios de libre acceso e uso do software e da información.
  • Divulgar a filosofía e as posibilidades do Software Libre / FLOSS (Free Libre Open Source Software) con especial enfoque nas universidades, centros educativos, administracións públicas, empresas e asociacións de Galiza.
  • Promocionar o Software Libre, facendo fincapé nas vantaxes que este pode aportar para fomentar a competitividade, innovación e calidade dos produtos, servizos, coñecemento e tecnoloxía producidos polo tecido empresarial e investigador galego.
  • Impulsar a adopción de estándares tecnolóxicos libres tanto no eido público como no eido privado.
  • Explicar e fomentar o uso das licenzas libres para a distribución de contidos, aumentando así a produción cultural libre do noso país.
  • Acadar a independencia e neutralidade tecnolóxica nas relacións dos cidadáns e empresas galegas cos poderes públicos galegos
  • Traballar para que as Administracións Públicas acorden e cumpran compromisos relativos ao uso interno e á promoción do Software Libre.
  • Axudarlle ás Administracións Públicas nos procesos de migración e promoción do Software Libre.
  • Axudarlle á Sociedade Civil galega a coñecer e usar o Software Libre, as súas características, vantaxes, etc.
  • Colaborar co mundo empresarial e máis co mundo académico para catalizar a relación dos mesmos co Software Libre.
  • Promocionar o idioma galego no eido informático.
  • Participar conxuntamente con outras entidades, de sensibilidades afíns, nas labores anteriores.
Leave a Reply