Libro “Máster Software Libre en Galicia, ano II”

No ano 2012 a Asociación GHANDALF elaborou o libro “Máster Software Libre en Galicia, ano II“, sendo o mesmo unha escolma dos principais traballos levados a cabo polos alumnos deste Máster na súa edición galega do curso 2008-2009. Deste xeito, inclúe os traballos de:

Manuel Fontán García
Pedro García Rodríguez
Javier Jardón Cabezas
Beatriz Montero Fernández
José Puente Fuentes
Manuel Rego Casasnovas

A maiores dos contidos citados, o libro contra cun prólogo xentilmente elaborado pola Asociación de empresas galegas de software libre (AGASOL) e con epílogo obra do GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux).

O traballo de elaboración do libro foi levado a cabo pola Asociación GHANDALF, sendo Roberto Vieito o encargado da coordinación e dirección das diferentes tarefas precisas para a súa confección.

A falta de rematar unha web propia para este libro na que se inclúan os ficheiros fonte e mailas diversas versións do mesmo, ao estilo de producingoss.ghandalf.org ou mswl.ghandalf.org, no presente artigo poñemos a disposición de calquera interesado-a este novo libro técnico en galego sobre o Software Libre. Pódelo descargar dende  esta ligazón.

Facebooktwittergoogle_plusmail

O 17 de novembro celébrase na Ágora da Coruña a OSHWDEM, xornada aberta e demostrativa sobre Open Source Hardware onde poderás atopar robots, impresoras 3D e electrónica para todos os públicos

  • Vai ser un evento aberto e gratuíto de carácter tecnolóxico con un formato participativo e innovador, centrado no Open Source Hardware, ou Hardware Libre.

  • Retoma o testigo da Arduino Barcamp organizada por Inestable no ano 2011 e dá continuidade a eventos similares como a OSHWCON celebrado en Madrid en Setembro deste mesmo ano.

  • Promovida pola Asociación GHANDALF, e organizada polo grupo de traballo BricoLabs, conta coa colaboración de asociacións de Usuarios de Software Libre como Inestable, axentes do mundo do OSHW como Clonewars ou RadikalBytes, así como das empresas Farnell e Bricogeek.

Se estás interesado no Open Source Hardware, en Arduino, nas impresoras 3D, en GNU/Linux embebido, en montaxe de circuítos electrónicos, nos robots ou na electrónica en xeral, tes unha cita o vindeiro 17 de novembro no Centro Cultural Ágora da Coruña.

A OSHWDEM vai ser un evento de carácter tecnolóxico e innovador, relacionado coa “OSHWCon 2012 Madrid – Open Source Hardware, Electronics & Robotics Convention 2012” a cal nas súas diferentes edicións ten demostrado levantar grande interese, esgotando as prazas nos días previos ao evento.

A xornada vai a combinar charlas divulgativas con espazos demostrativos, abordando diferentes temáticas relacionadas co Hardware Libre: Arduino, Raspberry Pi, impresoras 3D, montaxe de circuítos electrónicos, instrumentos musicais libres, deseño 3D con ferramentas libres ou robots libres. Pola tarde realizaranse obradoiros de montaxe de circuítos electrónicos e deseño 3D, nos que os asistentes poderán meter as mans na masa.

Na organización da OSHWDEM están a traballar Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre como GHANDALF ou Inestable, contando co coñecemento e saber facer de referentes do mundo do OSHW como BricoLabs, Clonewars ou Radikalbytes.

A colaboración de empresas do sector como Farnell ou Bricogeek farán que ninguén marche da xornada coas mans baleiras, e incluso haberá agasallos para os asistentes máis participativos.

Ó longo da xornada, así como durante o xantar, contaremos con espazos de networking, coa finalidade de poñer en contacto aos diferentes actores interesados no Hardware Libre.

As empresas, administracións, universidades ou mesmo profesionais independentes, interesados no Open Source Hardware poden atopar na OSHWDEM proxectos do seu interese, ou incluso contar con un espazo para amosar no que están a traballar. Contactade connosco a través do correo oshwdem@gmail.com e vemos como colaborar.

A entrada para a OSHWDEM é de balde, aínda que polo aforo e para participar nos concursos é preciso que te inscribas previamente na páxina do evento.

Para estar ao tanto de todas as novidades, tes á túa disposición tanto a web oficial oshwdem.wordpress.com como a conta de twitter @OSHWDEM así como o enderezo de correo electrónico oshwdem@gmail.com.

Continue reading O 17 de novembro celébrase na Ágora da Coruña a OSHWDEM, xornada aberta e demostrativa sobre Open Source Hardware onde poderás atopar robots, impresoras 3D e electrónica para todos os públicos

Facebooktwittergoogle_plusmail

Gnome 3 Launch Party Galicia

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a versión 3 representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.

Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.

Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:

  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!

A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.

En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.

Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!

Continue reading Gnome 3 Launch Party Galicia

Facebooktwittergoogle_plusmail

Xornada sobre Software Libre e Licenciamento no IES Xulián Magariños

O pasado 2 de novembro, a Asociación GHANDALF impartiu unha xornada de divulgación e formación dirixida aos alumnos dos Ciclos Superiores de Informática do IES Xulián Magariños de Negreira.

A temática da devandita xornada foi “Software Libre e Licenciamento“, tendo como obxectivo amosarlle a panorámica xeral do licenciamento (propiedade intelectual, dereitos de autor, licenzas) e a súa fortísima relación co Software Libre, facendo fincapé naquelas cuestións de máis interese dende o punto de vista de toma de decisións estratéxicas por parte dun prescritor de tecnoloxía, o cal con toda seguridade vai ser o rol de moitos dos asistentes á Xornada.

Sobre o fío conductor anterior, os alumnos dos Ciclos Superiores de Informática (en torno a uns 30 asistentes) foron presentando múltiples dúdidas demostrando tanto o seu interese, como a aplicabilidade deste tópico na súa xa inminente vida laboral.

Ghandalf fíxolle chegar a todos os alumnos un bo conxunto de documentación dixital sobre a temática en cuestión, a maiores de varias ferramentas e sistemas operativos Software Libre.

A presentación empregada na Xornada está dispoñible na sección de documentación da nosa web, sendo os seguintes os seus enlaces directos:

Impartir esta xornada foi unha agradable labor para Ghandalf, polo que queremos amosarlle o noso agradecemento á Dirección do Centro, a cal en todo momento facilitou que a xornada puidera levarse a cabo dun xeito óptimo.

Continue reading Xornada sobre Software Libre e Licenciamento no IES Xulián Magariños

Facebooktwittergoogle_plusmail

Ghandalf colabora na organización da LSWC

Dada a importancia que un evento como a cancelada OSWC ten para o posicionamento internacional do traballo que se está a facer con Software Libre tanto en Galicia como no resto do estado español, GHANDALF considerou imprescindible aportar (dende a medida das súas posibilidades) todo o posible para que se celebrase o evento alternativo: a Libre Software World Conference.

Nun primeiro momento, a Asociación GHANDALF dirixiu estes esforzos a tentar ter un espazo dentro da programación da Conferencia alternativa, baseando esta presencia na ponencia que xa fora previamente aprobada pola Comisión de Valoración da OSWC. Afortunadamente, a ponencia de GHANDALF (sobre a sistematización da localización de documentación de alto nivel relativa a Software Libre) tamén recibiu un espaldarazo por parte do Comité de Selección de Contidos da LSWC, polo que o primeiro paso viuse cumplido ao contar GHANDALF coa honra de disertar na LSWC sobre a “Localización y traducción de documentación de alto nivel”, tal como se pode ver na Axenda Final da LSWC.

Unha vez percorrido este primeiro paso, GHANDALF pasou a dirixir os seus esforzos a colaborar na medida do posible na xestión e organizacion do Evento, e ao contar coa financiación obtida a través do Convenio das Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia) puido facer unha aportación económica á organización da LSWC, axudando deste xeito a sufragar os gastos derivados da súa organización.

Esta modesta aportación económica, posibilitada grazas á existencia do citado Convenio (posibilitada por tanto grazas á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica), levou aparellada a honra de que a LSWC designase a GHANDALF como patrocinador da Conferencia.

Moitas grazas a todas as Entidades que fixeron posible esta honra!

Cartel definitivo da LSWC 2010

Facebooktwittergoogle_plusmail